Varias causas xudiciais abertas e centos de imputados e testigos chamados a declarar. Esa é a realidade desde hai anos na cidade de Lugo. En todas elas un denominador común: políticos e empresarios baixo sospeita de supostos delitos de corrupción. Na convicción de loitar contra o silencio, contra a omertá declarada ao respecto por algúns partidos, Esquerda Unida alza a voz para loitar contra esa lacra social que é a corrupción.

domingo, 17 de febrero de 2013

PARA OS IMPRESCINDIBLES


Ramón Vázquez
Deputado autonómico de Alterativa Galega de Esquerda
A finais do 2008 a crise apuntaba maneiras, pero so era un deses nubarróns que moitos esperaban ver pasar lixeiros empurrados polo vento. Lugo era aquela cidade tranquila na que nunca pasaba nada e na que as elites políticas e mediáticas, sentían unha especie de prurito alérxico á hora de falar da corrupción.
Mais a corrupción levaba moito tempo campando as súas anchas, nas licencias de urbanismo, nas concesións públicas, nos contratos das administracións, nos trámites dos expedientes, nas subvencións públicas... nun contexto no que ninguén quería ser o eslavón que rachara a cadea de favores.
Unha corrupción amparada pola omerta temorosa dalgúns, a complicidade interesada doutros e a tolerancia sumisa de moitos. Falar de corrupción implicaba o desterro político, o descrédito social e a marxinación pública nunha sociedade como a lucense, na que so os elixidos, contaban cun espazo de opinión ou de participación política no seu sentido mais amplo.
Os que naqueles difíciles tempos denunciaron a corrupción, tiveron que loitar non so contra os poderosos fíos do poder senón que con frecuencia, chocaron coa incomprensión de amigos, coñecidos e mesmo simpatizantes ideolóxicos, mais partidarios de non romper o status quo e permanecer na seguridade do oficialismo.
Precisamente o vindeiro dia 7 de marzo se cumpren 4 anos da creación do blogue lugoanticorrupción.blogspot.com, un valente espazo de denuncia que hoxe é xa un referente para aqueles que buscan, non so un arquivo de referencia, senón un medio para desenmarañar os complexos nudos que tecen as tramas de corrupción.
Agora todos os medios de comunicación enchen paxinas enteiras sobre a corrupción. A crónica rosa da miseria, personifica en apestados infames o que en realidade é un mal conxénito dun sistema no que o mellor é o que mais ten. Análises de trazo groso cando non espeso, debuxan escenas macabras nas que o público escarnio pretende unha catarse colectiva en forma de rexeneración democrática. Borrón e conta nova e despois... lei do punto final. Reiniciemos o sistema. Matrix Reloaded.
Sirvan estas verbas de homenaxe para aqueles que como dicía Beltolt Bercht, loitan toda a vida, porque eles son os imprescindibles, deles vai depender que exista unha oportunidade, non dos que presumen de ser bos e menos dos que se creen os mellores. O resto... somos todos necesarios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario