Varias causas xudiciais abertas e centos de imputados e testigos chamados a declarar. Esa é a realidade desde hai anos na cidade de Lugo. En todas elas un denominador común: políticos e empresarios baixo sospeita de supostos delitos de corrupción. Na convicción de loitar contra o silencio, contra a omertá declarada ao respecto por algúns partidos, Esquerda Unida alza a voz para loitar contra esa lacra social que é a corrupción.

sábado, 14 de noviembre de 2009

«EN LUGO NON COÑEZO NINGÚN CASO DE CORRUPCIÓN POLÍTICA»

López Orozco retratado por Óscar Cela


Orozco pide máis educación en valores e que se respecte a presunción de inocencia
Entrevista a José López Orozco, alcalde de Lugo

Por Enrique G. Souto
14/11/2009

Fonte: La Voz de Galicia

En medio da treboada política que cae sobre o país por supostos casos de corrupción política, insiste en que quere ser de novo candidato a alcaldía. O socialista José López Orozco leva máis de dez anos á fronte do Concello de Lugo e quere un mandato máis. Desde o «respecto absoluto pola Xustiza», este profesor de Filosofía expresa a súa confianza plena nos seus compañeiros de militancia que tiveron que pasar por comisaría e polo xulgado no marco da investigación sobre aspectos da xestión do Concello de Castro de Rei e da Deputación. Nestes e nos casos similares, afecten a quen afecten, reclama o máximo respecto á presunción de inocencia. No medio do páramo intelectual que é o campo da política galega, Orozco apela a Platón, Erich Fromm e Aranguren, e avisa de que «hai que afondar nunha educación en valores éticos e principios democráticos, e facer que a democracia funcione».

-¿Mantén a día de hoxe a mostra de confianza que expresou no seu momento no alcalde e concelleiros de Castro de Rei investigados polo xulgado e tamén na vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez?

-Digo o que xa dixen. Respecto absoluto pola Xustiza e confianza nos compañeiros, amigos e amigas, que foron chamados a declarar. Hai un principio extraordinario na Constitución: «Todo o mundo é inocente ata que se demostre o contrario». Tamén recordei xa nalgunha ocasión que Platón dicía que unha sociedade é perfecta cando é forte, temperada e ten a súa culminación na Xustiza, que é moito máis xustiza cando vai acompañada da prudencia. Eu estou totalmente de acordo.

-En numerosos puntos do territorio español hai condenas e investigacións por supostos casos de corrupción política. ¿Que análise fai desta situación un home que como vostede leva máis de dez anos como alcalde e é profesor de Filosofía?

-Os casos máis chamativos nestes últimos tempos de presunta corrupción política (tamén hai corrupción noutros moitos eidos da vida social) foron os que sucederon en Marbella, as derivacións da construción do velódromo de Mallorca, o caso Gürtel e en Santa Coloma de Gramanet. En Galicia si recordo en penumbras algo sucedido en Gondomar. En Lugo non coñezo ningún caso de corrupción política.

-No que afecta a Galicia, ¿aprecia algún perfil propio neste tipo de asuntos?

-Hai algún caso illado que xa ten condena aínda que non sexa firme por estar recorrida, pero é unhas das autonomías na que as denuncias por corrupción son mínimas.

-Hai quen cre que no ámbito local pode haber decisións tramitadas cerca do borde da legalidade debido a que os xestores se senten presionados pola urxencia que impoñen as demandas cidadáns. ¿Axústase o marco legal ás necesidades que impón a xestión local?

-O marco legal é o que é e sempre haberá que adaptalo a unha sociedade que avanza e se moderniza. É moi importante a transparencia na xestión, o papel que xoga a oposición e a asistencia que proporcionan os funcionarios, xunto cos controis alleos como é o do Consello de Contas.

-Os concellos máis pequenos teñen serias dificultades en múltiples aspectos. ¿Os alcaldes deses municipios dispoñen dos recursos necesarios en canto a asesoría legal e técnica?

-Seguro que non e en cambio están rexidos pola mesma normativa que un grande. Por iso é tan importante a Mancomunidade de Municipios, xa non só para xestionar servizos en común, senón para poder ter asesores e técnicos que resolvan problemas. Aí poden facer un gran papel as deputacións.

-Os casos de corrupción política son motivo de seria preocupación social. ¿Cal é a receita do alcalde e do profesor que é vostede?

-Temos que facer unha boa análise. Se en España hai máis de oito mil concellos e outros centos de institucións, con miles de cargos electos ou nomeados, os casos de presuntas corrupcións ou condenas por condutas delitivas son mínimas. Creo que nese sentido a democracia, as institucións, a Xustiza, a liberdade de prensa... funcionan ben. Por iso hai que afondar nunha educación en valores éticos e principios democráticos e facer que a democracia funcione.

1 comentario:

  1. Pois debe ser o único que non coñece casos de corrupción política en Lugo.

    ResponderEliminar